Tuesday 23 de April de 2024

O Concello e a Deputación investirán 1,3 millóns na rehabilitación integral da Casa da Xuventude, que acollerá dependencias municipais, provinciais e para o uso da veciñanza


O Concello cederá á Deputación o uso do edificio por 25 anos para a súa rehabilitación e transformación nun centro dotacional multiusos que incluirá un coworking da Deputación, oficinas municipais e provinciais e un auditorio de uso compartido que tamén estará á disposición da veciñanza da cidade histórica e de San Pedro.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, deron a coñecer esta mañá os detalles do ambicioso plan de ambas institucións para o uso futuro da Casa da Xuventude, en pleno centro do casco histórico compostelán.

Formoso e Bugallo anunciaron a cesión da Casa da Xuventude de Santiago á Deputación da Coruña por un período de 25 anos e a convocatoria dun concurso de ideas para acometer a rehabilitación integral do inmoble, buscando unha mellor integración no entorno, máis accesibilidade e eficiencia enerxética, así como adaptar o inmoble a novos usos e servizos á cidadanía. Ademais da rehabilitación integral do inmoble, prevese tamén a remodelación da praza do Matadoiro, abríndoa ao parque de Belvís en coherencia co novo acceso ao parque previsto no planeamento vixente.

O rexedor agradeceu a colaboración da Deputación “que nos permitirá converter o edificio non só nun espazo digno e acondicionado, senón tamén nun elemento moi importante de prestación de servizos socioculturais á cidade histórica e ao barrio de San Pedro”. Este nova equipación sumarase así aos centros xa existentes na zona vella e en Belvís.

O custo da rehabilitación estímase en 1.346.000 euros, que será financiada nun 74% pola Deputación e nun 26% polo Concello de Santiago, a través dun convenio de colaboración entre ambas institucións.

A Casa da Xuventude de Santiago de Compostela é un edificio con longa tradición como espazo de servizos á xuventude, ao estudantado e ás asociacións veciñais, que o Concello compostelán pon a disposición da entidade provincial para albergar un centro multiusos dotacional e potenciar o seu uso público.

O inmoble concíbese como un espazo idóneo para ofrecer servizos de forma conxunta, unificados e próximos á cidadanía. Na actualidade o edificio está en desuso e precisa dunha rehabilitación integral para evitar un maior deterioro e que poida ser utilizado tanto pola Deputación como polo Concello de Santiago e así potenciar o seu uso público.

O edificio conta cunha situación privilexiada en pleno casco histórico da cidade e unha vez reformado, permitirá realizar múltiples trámites e facer uso de servizos nun mesmo edificio, co consecuente aforro de tempos e desprazamentos á cidadanía nas súas xestión co Concello ou coa Deputación, así como beneficiarse das múltiples actividades e servizos que acollerá nas súas instalacións.
Coworking, oficinas provinciais e municipais e auditorio
A Casa da Xuventude conta actualmente cunha superficie construída de 1.700 m2 distribuídos en planta baixa, dúas alturas e aproveitamento baixo cuberta.

A planta baixa acollerá os servizos de recadación da Deputación; o primeiro andar destinarase a crear un novo espazo de coworking especializado no metaverso que se integrará na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación e a outros usos provinciais no eido cultural, educativo e de servizos sociais ou relacionados coa formación de empregados públicos ou co desenvolvemento de iniciativas de reactivación e potenciación da actividade económica na comarca de Santiago. O segundo andar estará destinado a usos do Concello, para a prestación de servizos municipais á cidadanía.

Aproveitarase o auditorio existente e unha vez rehabilitado e acondicionado será un elemento de uso compartido entre Concello e Deputación e terá acceso dende todos os espazos comúns.

A colaboración entre ambas as dúas administracións facilitará aproveitar a situación privilexiada do inmoble en pleno casco histórico e potenciar o seu uso como centro de servizos á cidadanía.

O fundamento desta iniciativa está na necesidade de aproveitar as estruturas e recursos existentes a nivel provincial para unha mellor prestación de servizos públicos, para a creación de empresas e emprego así como para apoiar o emprendemento e contribuír ao desenvolvemento socieconómico da provincia.

“Fronte ás propostas de demoler o edificio, os gobernos da Deputación e do Concello de Santiago avogamos por rehabilitalo, seguindo os principios da economía circular e todas as directrices europeas que promoven a rehabilitación de edificacións fronte á demolición”, afirmou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A rehabilitación de edificios, á parte de conservar o noso patrimonio, xera menos residuos, menos emisións CO2 á atmosfera e por tanto un aforro enerxético durante o proceso construtivo e de uso. Demoler a estrutura dun edificio supón xerar de media 1.003 Tn de residuos dificilmente reciclables, mentres que construír unha nova estrutura supón a emisión de 250 Tn CO2 á atmosfera.

A Deputación da Coruña promoverá as obras de rehabilitación e redactará, aprobará e financiará o proxecto necesario para a execución da obra, previa supervisión polo Concello de Santiago. Corresponderalle tamén á entidade provincial a contratación, adxudicación e dirección das obras así como a coordinación da seguridade e saúde e control de calidade das mesmas.

Durante o tempo que dure a cesión de uso, a Deputación farase cargo do mantemento e conservación do edificio, asumindo todos os gastos correntes e de mantemento neste tempo. Pola súa parte o Concello de Santiago, asumirá os gastos do seguro de bens do inmoble o pago dos tributos.

Concurso de propostas para a rehabilitación do edificio

Para acometer as obras de rehabilitación do edificio, a Deputación organizará un concurso de ideas ao que poderán presentar as súas propostas todos aqueles e aquelas arquitectos e arquitectas colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O gañador ou gañadora do primeiro premio do concurso será a persoa á que se lle encargará o proxecto básico e o de execución e dirección de obra, que poderá ser compartida cos servizos técnicos da Deputación da Coruña.

Ademais, en función da calidade dos traballos presentados poderanse outorgar un segundo e terceiro premio de 3.000 e 2.000 euros respectivamente, así como a publicación das propostas con mellor puntuación polo xurado.

Proponse un xurado formado na súa maior parte por arquitectas/os con representación dos seguintes organismos:- Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia- Deputación da Coruña- Concello de Santiago de Compostela- Colexio de Arquitectos de Galicia- Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Actuará como Presidente do xurado un representante do Servizo de Patrimonio e Contratación da Deputación. Poderanse integrar representantes doutros colectivos, consorcios, asociacións ou fundacións, a criterio do órgano de contratación.